Obxectivos e metodoloxía de inicio

O proceso formativo, ás recomendacións da Carta Europea do Xuíz aprobada polo Consello de Europa, pretende garantir que todos os xuíces dispoñan dos coñecementos teóricos, sociais e culturais necesarios para o desenvolvemento da función xurisdicional.

A formación inicial parte da base da titulación universitaria en dereito, e a superación dun concurso que acredita os suficientes coñecementos teóricos para o acceso por oposición, ou a suficiente experiencia e prestixio profesional, para o  acceso pola quenda de xuristas de recoñecida competencia.

Unha vez que se ingresa na EX séguese un curso presencial dun ano académico para os da quenda de oposición ou dun mes para os xuristas, impartido por un profesorado estable adecuado ao número dos alumnos, e un posterior período de prácticas tuteladas nos tribunais, de nove ou tres meses, respectivamente. As prácticas están estruturadas e dirixidas dende a EX, baixo supervisión dos Maxistrados titores destinados en todo o territorio nacional dirixidos por profesores especializados da EX. Cando se superan estas dúas fases, se accede ao primeiro destino xurisdicional.

OBXECTIVOS

Os obxectivos do curso de formación inicial están expresados, en sentido amplo, no Libro Branco da Administración de Xustiza, coas seguintes referencias:

  • Completar os coñecementos necesarios para o exercicio da función xudicial e que non se conteñen nos programas das probas de acceso.
  • Desenvolver a capacidade de análise da realidade, valoración de probas e resolución.

Á consecución destes fins diríxese o conxunto das actividades programadas, coas que se pretende completar a formación técnica, humanística e social dos futuros xuíces. De xeito máis concreto, os obxectivos docentes durante o primeiro ano de formación inicial son os seguintes:

  • Estimular a percepción e individualización dos problemas xurídicos presentados.
  • Afondar no coñecemento da realidade social na que se producen determinados conflitos xurídicos (marxinación social, violencia doméstica, drogadiccións, etc.).
  • Potenciar as habilidades necesarias para a toma de decisións prudenciais.
  • Completar, desde unha perspectiva práctica e enmarcada no proceso, os coñecementos adquiridos na formación académica anterior e nas probas de acceso precedentes.
  • Exercitar a motivación de resolucións.
  • Tomar conciencia do espazo xudicial europeo e internacional no que terán que desenvolver a súa función.

 

Metodoloxía

Sen prexuízo de empregar outros métodos máis tradicionais nalgunhas actividades concretas (cuestionarios, conferencias, mesas redondas, etc.), a Escola Xudicial española mantén o empeño no afondamento técnico, mellora e consolidación do “método caso” e da “ensinanza a través do estudo de problemas reais” co obxectivo de ensinarlle ao Xuíz en prácticas a "pensar como un xurista", formándoo en capacidades argumentativas, ensinándolle a discorrer e argumentar para chegar á decisión adecuada conforme aos feitos axuizados.

Preténdese facer un esforzo na utilización da informática, non só como contorno habitual para o traballo, senón tamén como instrumento de formación e actualización de coñecementos

Este sistema docente baséase esencialmente en clases de pequenos grupos (entre 20 e 25 alumnos) cunha dinámica de traballo activo, de xeito que os propios alumnos asumen tarefas de análise, presentación de relatorios, etc., facéndoos protagonistas activos da súa propia aprendizaxe.

A finalidade é a de desenvolver no alumno as capacidades para a resolución e toma de decisións dos problemas formulados. A docencia céntrase na aprendizaxe para a correcta fixación dos feitos debatidos e da valoración da proba, acadando un equilibrio entre rapidez e reflexión nas distintas respostas xudiciais que se impetran ou a sempre difícil conxugación das esixencias de valor, precaución e dilixencia na resolución de conflitos e que lle permitirá afrontar problemas futuros de xeito non intuitivo.

Neste sentido, o método do caso pódese esquematizar nos seguintes pasos:

  • Entrega do dossier ou caso previamente á súa discusión na clase. Os alumnos, individualmente ou en grupo, proceden ao estudio do caso, caso que non é "fabricado ou ficticio", senón que se selecciona entre casos reais facilitados por distintos Xulgados de todo o territorio nacional e que sexan adecuados aos obxectivos docentes sinalados e dunha complexidade media ou estándar (ao respecto supuxo unha gran vantaxe contar coa gravación de todos os xuízos civís e de distintas actuacións penais).
  • Tralo estudio, cada alumno fai un esquema ou sinopse da historia procesual do caso, os feitos xuridicamente relevantes, así como dos principios e regras aplicables, sintetizando tantos os argumentos fácticos como xurídicos que levaron á decisión do caso.
  • • Exposición en clase por calquera dos alumnos, que de forma voluntaria ou elixido polo Profesor, fará de relator, expoñendo o caso e pasar despois a unha discusión na que participen os demais alumnos, canalizando o profesor a actividade, suscitando as dificultades prácticas que os casos formulen, conseguindo un “contraste de opinións” que supoña un contrate de razoamentos ou argumentacións que sirvan de soporte á decisión adecuada. Tras isto, o Profesor pecha a actividade, vertendo toda a súa experiencia e coñecemento sobre o tema, enumerando e explicando todos os problemas descritos na práctica tanto os que saíron na discusión como os que non foron formulados, fixando, por último, as conclusións.